CSIF sinala que o Goberno “rompe o seu compromiso e crea redes clientelares” e CC OO define os cambios como “unha mentira”
Os ánimos non poden estar máis caldeados nos sindicatos galegos. A nova Lei da Administración Pública que prepara a Xunta fai que, despois de estudar os 102 folios do documento, as catro centrais estean de acordo. Todas alegarán contra a norma antes do luns, cando remata o prazo. As principais críticas son a creación de novos chiringuitos nos que a contratación e o funcionamento “non están regulados, polo que poderán contratar a quen queiran e coas condicións que lles dea a gana”, a falta de transparencia e o aumento e duplicidade de cargos na parte alta da Administración.
Desde CSIF amósanse especialmente belixerantes. Din que non están dispostos a “seguirlle o xogo” a un Goberno que “acaba de romper o seu compromiso, e por tanto a lealdade que se crea” ao tratar de mellorar as cousas. “CSIF, que é o único sindicato de empregados públicos sen vinculación política, en modo algún consentirá que os dereitos económicos ou laborais se vexan prexudicados pola pretensión da Xunta de establecer novas redes clientelares e de voto cautivo a través do nepotismo para obter un posto na Administración”, critican.
En concreto, resaltan que o Goberno galego regula “o cargo do conselleiro sen carteira, a figura do secretario xeral e ademais a do secretario xeral técnico”, co que “duplican” o posto e por tanto o gasto. Ambos cargos “nomeados a dedo polo Consello da Xunta”. Censuran tamén que as propias novas axencias creadas serán “as encargadas de contratar o persoal, e isto non estará regulado polo Goberno, así que deixan que o fagan como queiran e co salario que lles dea a gana”, segundo se reflicte, din, no artigo 72.
No anterior artigo, que tamén critican, a Xunta di que “o presidente de cada axencia poderá celebrar con entidades públicas e privadas convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público”. As persoas que presidirán as novas axencias serán elixidas libremente pola Xunta e poderán cobrar nalgún caso máis que o propio presidente do Goberno galego.
No artigo 73 só di que “a selección do persoal laboral propio será realizada pola axencia a través dos seus propios órganos. Desde CSIF pregúntanse “en base a que criterios o fan?” e din non “tragar” con “esta norma de chiringuitos e redes clientelares”. Ademais piden que os sindicatos teñan “voz e voto” nos temas que afectan aos empregados públicos e ás súas condicións de traballo” e cuestionan as razóns pola que a Xunta xustifica a creación das novas axencias públicas. “Argumentan que é por motivos de eficiencia, pero a eficiencia é un principio que a Constitución lle atribúe ás Administracións Públicas”, alegan. “Na propia Administración hai persoal para realizar esas tarefas, non é necesario ese tipo de contratación”, engaden.
Na mesma liña amósanse desde UXT. “Solicitamos que sexa persoal propio da Administración a través dun emprego público, non a dedo. É un problema moi grave que as últimas reformas permitan que as Empresas de Traballo Temporal (ETT) entren nas administracións”, sinalan. Desde o sindicato aseguran que coa nova lei da Xunta “o político fai o que quere, e o mellor que lle pode pasar agora a unha familia en crise é que por Nadal lle regalen un primo que sexa político”.
Desde o sindicato lamentan que a Xunta fixera caso omiso ás súas “peticións de transparencia” e asumen que as súas alegacións poden caer en saco roto.
A nova Lei da Administración Pública “consagra os chiringuitos”, segundo a CIG. “Isto é un perigo, xa que tiñamos claro que había que camiñar cara unha axencia única que controlase a contratación de persoal, e esta norma é un paso atrás que dispersa por numerosos entes a potestade para contratar”, din.
Tamén a CIG critica que o documento “abre a porta a facer medrar a estrutura superior da Xunta” e reclama que o Goberno galego sente cos sindicatos “para negociar algúns temas, e non que pense que cumpre o trámite simplemente dando un prazo para presentar alegacións”.
Ademais, cren que cos novos chiringuitos “non haberá transparencia, xa que simplemente se lles esixirán uns obxectivos finais e nada máis”, sen ningún control. “É un peligro que a propia entidade seleccione o seu persoal, porque pode converterse nun coladeiro como o Seaga, con contratos temporais e subtitucións” afirman, ademais das posibles eleccións “a dedo”.
Desde CC OO, pola súa banda, amósanse moi molestos e definen a lei como “unha apertura á privatización dos servizos públicos, e que non só non elimina os chiringuitos, senón que crea chiringóns”. Aseguran que no documento “a desregulación das condicións de traballo e o incumprimento do prometido no programa electoral é a norma”.
CC OO pide un pacto polos servizos públicos e que, na tramitación da Lei, a Xunta teña en conta “a participación sindical nos novos órganos e o respeto ás condicións de traballo”. O sindicato di que, a diferencia diso, coa nova norma “hai un acceso discrecional e as condicións de traballo son inexistentes, polo que os altos cargos terán salarios enormes e os traballadores estarán nunha situación complicada, como sucedeu co Consorcio ou o Seaga”.
“Como se entra nestes organismos? Cales son as regras do xogo?, isto que fan só é crear mostruos desregulados”, aseguran. A falta de concreción nas condicións non chega, sen embargo, “á figura dos cargos directivos, con salarios moi bos e superiores a un subdirector de Función Pública”. Desde CC OO tamén ven claro que a Xunta “deixa aberta a posibilidade de incrementar cargos na Administración”. A próxima semana, os sindicatos terán unha reunión cos representantes do Goberno que, segundo CC OO, “será un paripé para decir que non aceptan nin unha alegación”. A Lei Rueda, como xa lle chaman entre eles, “nace para cambiar todo pero non cambiar nada”, resumen.

No hay comentarios:
Publicar un comentario