CSI●F JUSTICIA INFORMA
elcorreogallego.es
ENTREVISTA CON JOSÉ FRANCISCO MÉNDEZ
"Con estes recortes, Mariano Rajoy repite os erros do goberno anterior"
O presidente do sindicato CSI-F en Galicia sinala en Radio Obradoiro que as medidas anunciadas "son para salvar unhas entidades financieiras que levaron a cabo unha mala xestión" //Lamenta que os que a teñen que pagar sexan os máis débiles //Cifra nuns 18.000 os funcionarios que traballand en Santiago entre a sanidade, a educación e a administración autonómica
"O cabreo e o malestar do sector público é tremendo". Así definía este xoves en Radio Obradoiro o presidente do sindicato CSI-F en Galicia o estado dos funcionarios logo de coñecerse que, entre outras cousas, van quedar sen paga de Nadal e van ver reducidos os seus días de libre disposición. Para José Francisco Méndez, "Rajoy está a repetir os erros do goberno anterior".
Na súa opinión, as medidas anunciadas "van afectar especialmente ós máis débiles, e non van solucionar a situación económica do país. A crise non está causada polos médicos, os parados ou os policías, senón polo interese especulativo dalgúns". Méndez sinalou que na área de Santiago, entre o sector sanitario, o ensino e a administración autonómica, traballan uns 18.000 funcionarios. "O feito de que queden sen paga de Nadal vai supoñer unha caída brutal no consumo".
O presidente do CSI-F en Galicia criticou que os recortes anunciados onte sexan "para salvar unhas entidades financieiras que levaron a cabo unha mala xestión". Explicou que levan tempo "pedindo un pacto de Estado para reformar as administracións públicas que non chega, non queren dar exemplo". Non é de xustiza, engadiu, "que os parlamentarios galegos non paguen a Facenda polo 50% das súas retribucións porque están exentas, ou que os deputados autonómicos e os alcaldes poidan decidir se se baixan ou non o soldo. Unha opción que non ten un policía mileurista".
Dende que comezou a crise, Méndez cifrou en máis dun 20 por cento a perda de poder adquisitivo dos traballadores da función pública. Os sindicatos xa anuncian mobilizacións, "que serán contundentes a partires de setembro ou outubro", cando non descartan a convocatoria dunha folga xeral
No hay comentarios:
Publicar un comentario